A Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos da Universidade da Coruña (UDC) acolle do 22 ao 24 de outubro dous congresos internacionais dedicados á enxeñaría estrutural e civil e á innovación nos materiais de construción. Os encontros, organizados pola UDC xunto co Instituto Superior de Engenharia do Porto, a Universidade NOVA de Lisboa e a Universidade do Minho, constitúen un espazo de intercambio de coñecemento e experiencias entre os ámbitos académico e investigador.
Por unha banda, o International Conference on Structural and Civil Engineering (ICSCE 2026) centrarase nos avances e retos da arquitectura e da enxeñaría civil, con especial atención á arquitectura sostible e intelixente e ao deseño funcional e artístico. O congreso pretende favorecer o intercambio de novas ideas, experiencias de aplicación e oportunidades de colaboración científica e técnica, nun contexto marcado pola necesidade de afrontar desafíos ambientais e avanzar cara a modelos construtivos máis sostibles.
Pola súa banda, a décima edición do International Conference on Building Materials and Materials Engineering (ICBMM 2026) abordará os avances na investigación e no desenvolvemento de materiais, un ámbito fundamental para mellorar as prestacións, a eficiencia e a sustentabilidade das construcións. Entre as principais áreas temáticas figuran os materiais de construción, os materiais semicondutores, os materiais orgánicos e poliméricos, os nanomateriais, os materiais compostos e os biomateriais.
Os congresos contan coa participación de persoal investigador do Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil (CITEEC), principalmente dos grupos de Mecánica de Estruturas (GME), Construción (gCONS) e Estruturas Arquitectónicas (GEA). Entre as persoas participantes destacan Félix Nieto Mouronte, responsable da organización local do congreso (Local Chair), e Belén González Fonteboa, que intervirán como relatores convidados no programa científico con presentacións sobre a aplicación de modelos substitutivos en estruturas civís e enerxéticas e sobre as estratexias, os retos e as oportunidades da sustentabilidade na construción, respectivamente.
Como complemento ao programa científico, as persoas asistentes visitaron durante a primeira xornada os principais laboratorios do CITEEC. Esta actividade permitiu coñecer de primeira man as instalacións e os recursos experimentais do centro, así como as súas capacidades para a investigación e a innovación nos ámbitos das estruturas, a arquitectura e os materiais de construción.
