O CITEEC volveu participar na Noite Galega das Persoas Investigadoras (GNIGHT), unha xornada celebrada o pasado 25 de setembro que reuniu en diferentes espazos da Coruña numerosas propostas para achegar a ciencia e a investigación á sociedade.
Ao longo da xornada, o CITEEC trasladou parte da súa actividade investigadora á Dársena da Mariña, onde persoas de todas as idades puideron descubrir, experimentar e coñecer de preto algúns dos traballos que se desenvolven no centro.
Unha das propostas foi «O mini-CITEEC sae á rúa», que permitiu ao público interactuar con reproducións a escala dalgunhas das máquinas e dos equipos utilizados nos laboratorios do centro. A través destas demostracións, o persoal técnico e investigador explicou dun xeito práctico e próximo diferentes conceptos relacionados coa enxeñaría civil.
O Grupo de Construción (gCONS) participou co obradoiro «Formigón en familia», no que as persoas participantes puideron elaborar os seus propios portafotos de morteiro mentres descubrían as características dos materiais a base de cemento e algunhas das liñas de investigación relacionadas co seu uso.
Pola súa banda, o Grupo de Química Analítica (QANAP) achegou ao público diversas cuestións relacionadas coa contaminación ambiental mediante experimentos sinxelos. A actividade permitiu coñecer como se estudan determinados contaminantes e reflexionar sobre a súa presenza na nosa contorna cotiá.
A xornada tamén permitiu coñecer o CITEEC desde dentro grazas á visita guiada ás súas instalacións, durante a cal as persoas participantes percorreron diferentes espazos de investigación, entre eles o Túnel de Vento, a Dársena de Portos e Costas, o Laboratorio de Hidráulica e o Laboratorio de Construción. Ao longo do percorrido puideron coñecer algúns dos ensaios e das demostracións que se desenvolven habitualmente no centro.
Ver esta publicación en Instagram
A programación completouse con dúas propostas de carácter divulgativo celebradas na Dársena da Mariña. O investigador Guillermo Lorenzo Gómez, do Grupo de Métodos Numéricos en Enxeñaría (GMNI), presentou os avances no desenvolvemento de modelos matemáticos aplicados ao estudo do crecemento tumoral e da resposta terapéutica, nunha charla dedicada aos xemelgos dixitais de tumores.. Pola súa banda, a investigadora Yolanda Pérez Sánchez, do Grupo de Investigación Persoa-Ambiente (GRIPA), abordou en «As paisaxes mírannos» a relación entre cultura visual, paisaxe e a nosa maneira de interpretar e habitar os espazos.
