O CITEEC súmase un ano máis á Noite Galega das Persoas Investigadoras (GNIGHT), unha xornada na que a universidade e os seus centros de investigación abren as súas portas e saen á rúa para achegar o coñecemento científico á sociedade.
En 2026, o evento celebrarase o venres 25 de setembro na Dársena da Mariña, así como en bares e museos da cidade. O CITEEC participará nesta edición con diversas actividades de divulgación científica para todos os públicos.
Obradoiro “O mini-CITEEC sae á rúa” | Dársena da Mariña, 18:00 a 21:00h
O persoal técnico e investigador do CITEEC sairá á rúa co mini-CITEEC, unha mostra en miniatura das máquinas empregadas no centro. As persoas participantes poderán interactuar con elas, coñecer o seu funcionamento e achegarse a conceptos básicos da enxeñaría civil dun xeito práctico e divertido.
Obradoiro “Formigón en familia” | Dársena da Mariña, 18:00 a 21:00h
O Grupo de Construción (gCONS) amosará ás persoas participantes como fabricar os seus propios portafotos de morteiro mentres coñecen os materiais a base de cemento, as súas principais propiedades e vantaxes fronte a outros materiais, así como algunhas das problemáticas actuais relacionadas co seu uso.
Obradoiro “Contaminación ambiental” | Dársena da Mariña, 18:00 a 21:00h
A través de experimentos sinxelos levados a cabo polo Grupo de Química Analítica (QANAP), este obradoiro achegará ao público xeral diversas problemáticas relacionadas coa contaminación ambiental e presentes na nosa vida cotiá. As persoas participantes poderán descubrir como se investigan estas cuestións e reflexionar sobre como podemos contribuír a mellorar a nosa contorna.
Visita guiada ao CITEEC | CITEEC, Campus de Elviña, 12:00 a 13:30h
As persoas participantes visitarán catro dos laboratorios do CITEEC e coñecerán de primeira man a actividade investigadora que se desenvolve neles. Ademais, poderán asistir en tempo real a algún dos ensaios que se estean realizando ou a demostracións en réplicas a escala das máquinas de ensaio preparadas para a ocasión.
Durante a visita coñeceranse o Túnel de vento, a Dársena de Portos e Costas, o Laboratorio de Hidráulica e o Laboratorio de Construción.
As prazas para esta visita guiada son limitadas a 25 persoas e é necesario inscribirse.
Charla «Cando a enxeñaría constrúe saúde: xemelgos dixitais de tumores» | Dársena da Mariña, 20:10 h
O investigador Guillermo Lorenzo Gómez, do Grupo de Métodos Numéricos en Enxeñaría (GMNI), ofrecerá unha visión xeral dos avances na predición personalizada do crecemento tumoral e da resposta terapéutica mediante modelos matemáticos baseados en imaxe médica e biomarcadores clínicos.
Estes modelos sentan as bases para o desenvolvemento de xemelgos dixitais de pacientes con cancro, que no futuro poderán contribuír a optimizar de maneira personalizada a xestión clínica da enfermidade, mellorando a toma de decisións e, potencialmente, a supervivencia e a calidade de vida das persoas pacientes.
Charla «As paisaxes mírannos» | Dársena da Mariña, 20:10 h
A investigadora Yolanda Pérez Sánchez, do Grupo de Investigación Persoa-Ambiente (GRIPA), ofrecerá unha charla divulgativa sobre como a cultura visual constrúe a nosa maneira de mirar, interpretar e habitar a paisaxe.
Agardámosvos nesta xornada para compartir ciencia, investigación e coñecemento!
