O vindeiro xoves, 9 de xullo, ás 11:50 h, a Sala de Visualización do CITEEC acollerá unha nova edición das xornadas de divulgación “CITEEConto que facemos…!“, unha iniciativa que ten como obxectivo achegar a investigación que se desenvolve no centro e dar a coñecer os proxectos liderados polos seus grupos de investigación, financiados a través de diferentes programas competitivos de I+D+i.
Nesta primeira sesión presentaranse dous proxectos de investigación que abordan retos actuais relacionados coa mobilidade sostible e a economía circular desde perspectivas innovadoras.
Juan José Galán Díaz, investigador do grupo CGM, presentará o proxecto “Intelixencia artificial e automatización aplicadas a produtos sostibles e de alto valor engadido a partir de insectos“, financiado no marco da convocatoria Proxectos de Colaboración Público-Privada 2024.
A continuación, a investigadora do grupo FERROTRANS, Margarita Novales Ordax, ofrecerá o relatorio “Microsimulación, análise xeoespacial e ciencia de datos para a mobilidade sostible“, no que presentará un proxecto financiado no marco do programa Proxectos de Xeración de Coñecemento 2024.
As xornadas “CITEEConto que facemos…!” terán continuidade ao longo de 2026 con novas sesións nas que persoal investigador dos distintos grupos e laboratorios do CITEEC compartirá os avances dos seus proxectos e liñas de investigación, ofrecendo unha visión transversal da actividade científica e tecnolóxica que se desenvolve no centro.
