O Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil (CITEEC) da Universidade da Coruña e a Escola Municipal de Música da Coruña (EMM) uniron música, ciencia e creatividade na gravación do novo videoclip de Starband, grupo formado por alumnado da Escola e gañador da primeira edición do Torre67 Fest, o concurso de música moderna organizado pola EMM en marzo de 2025.
A formación, integrada por Adriana Varela, Gabriel Crego, Lola de la Iglesia, Pablo Raso, Teresa Román, Uxía Díaz e Vera Arias participou na primeira edición do certame coa súa versión de “Starman”, de David Bowie. Esta foi a primeira canción que o grupo ensaiou conxuntamente, dando orixe ao nome de Starband, e tamén ao tema co que conseguiu o primeiro premio no Torre67 Fest. Como recoñecemento, a banda obtivo a gravación dun videoclip e, ademais, representou á área de música moderna na Gala da EMM celebrada en abril de 2025 no Teatro Colón.
Para a gravación, o CITEEC converteuse nun escenario singular para a música. Os Túneles de Vento, a Dársena de Portos e Costas, o Laboratorio de Construción e o Laboratorio de Hidráulica forman parte das localizacións empregadas no videoclip, que aproveita estes espazos e os seus equipamentos para crear diferentes ambientes e efectos visuais. O traballo audiovisual foi producido por Álvaro Díaz, responsable da gravación e da montaxe do videoclip, cuxa profesionalidade e creatividade resultaron fundamentais para dar forma ao proxecto e trasladar á pantalla a identidade de Starband e dos espazos do CITEEC.
A colaboración supón un encontro entre dous ámbitos diferentes, pero con puntos en común: a experimentación, a creatividade e a vontade de buscar novas formas de facer e comunicar. A iniciativa permite achegar os espazos de investigación do CITEEC á cidadanía desde unha perspectiva diferente e, ao mesmo tempo, ofrecer ao alumnado da EMM un novo contexto para desenvolver a súa proposta artística.
A elección de “Starman” encaixa tamén co espírito do proxecto. A canción de David Bowie transmite unha mensaxe de esperanza e novas posibilidades para a mocidade, unha idea que o videoclip traslada a través da música e da imaxinación, empregando os espazos do CITEEC como parte da historia.
Deste xeito, a proposta pon en diálogo cultura, formación, ciencia e innovación, cun videoclip no que os espazos do CITEEC adquiren un novo significado a través da música de Starband.
