Close icon
Selecciona idioma
Grid Grid

Dúas propostas do CITEEC, gañadoras de “Divulgando o noso” 2026

CC
Escrito por
Comunicación CITEEC
Publicado
13/11/2026
Time icon
4 min
|
13/11/2026
Share icon
Compartir
  • Un proxecto recupera a memoria paleontolóxica de Galicia para dar a coñecer a presenza de crocodilos e hipopótamos no seu territorio hai millóns de anos.
  • ·Outra proposta presenta os avances na impresión 3D de formigón como vía para impulsar unha construción máis sostible e circular.
Toc icon

Tabla de contenidos

    A Universidade da Coruña vén de dar a coñecer as propostas gañadoras dunha nova edición de «Divulgando o noso», o programa promovido pola súa Unidade de Divulgación Científica para achegar á cidadanía os resultados e as liñas de investigación que se desenvolven na institución a través de infografías científicas.

    Na edición de 2026, dous dos cinco proxectos seleccionados como gañadores están impulsados por persoal investigador do Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil (CITEEC), que amosa así a diversidade temática e o potencial divulgativo da investigación que se desenvolve nos seus grupos.

    “Cando Galicia tiña crocodilos e hipopótamos”

    Alejandro Blanco Calvo e Blanca Moncunill Solé, do Grupo de Investigación en Cambio Ambiental e Paleobioloxía (GRICA-BIOpast), presentan unha proposta que pon o foco no rexistro fósil de vertebrados do Paleóxeno e do Neóxeno en Galicia. A iniciativa busca romper coa idea estendida de que o territorio galego carece de fósiles de interese, dando a coñecer un patrimonio paleontolóxico que permite reconstruír os ecosistemas e as formas de vida que habitaron Galicia hai millóns de anos.

    A infografía tamén pretende achegar á sociedade os proxectos e as liñas de investigación do grupo BIOpast, así como amosar como as novas tecnoloxías —entre elas, a tomografía, a dixitalización do patrimonio e a impresión 3D— se incorporan a unha disciplina clásica como a Paleontoloxía.

    Un dos eixes desta proposta é o estudo desenvolvido no marco do proxecto OLIGOlife, centrado nos fósiles do Oligoceno e do Mioceno en Galicia, con especial atención aos materiais recuperados na mina das Pontes. O rexistro inclúe restos vexetais de especies como Goniopteris styriaca, Salix angusta ou Myrica lignitum, así como fósiles de animais como moluscos, crocodilos, antracotéridos, ras, peixes e pequenos roedores.

    Estes achados permiten reconstruír a paisaxe que existía na contorna das Pontes hai aproximadamente 23 millóns de anos, cando a zona estaba ocupada por un ambiente lacustre e pantanoso, cunha flora e unha fauna propias dun clima subtropical.

    “Construción 3D circular. Unha proposta centrada na innovación construtiva”

    Paloma Funes García, Belén González Fonteboa e Sindy Seara Paz, do Grupo de Construción (gCONS), presentan unha infografía centrada no potencial da impresión 3D de formigón para avanzar cara a un modelo construtivo máis eficiente e respectuoso co medio ambiente.

    O formigón é un dos materiais máis utilizados do mundo, e a fabricación do cemento xera arredor do 8 % das emisións globais de CO₂. Neste contexto, a impresión 3D ofrece novas posibilidades para reducir o impacto ambiental da construción, ao permitir fabricar elementos construtivos capa a capa e empregar unicamente o material necesario. Este proceso contribúe a reducir os prazos de execución, os custos, a xeración de residuos e os riscos laborais.

    Un dos principais retos tecnolóxicos consiste en desenvolver mesturas que teñan as propiedades adecuadas para o proceso de impresión: deben fluír correctamente polo sistema de bombeo, saír de maneira continua pola boquilla e manter a súa forma e estabilidade unha vez depositadas as distintas capas.

    No marco do proxecto Eco3DConcrete, desenvolvido polo grupo gCONS nos laboratorios do CITEEC, trabállase na substitución parcial do cemento por materiais alternativos, entre eles cinzas e areas procedentes da biomasa forestal. Trátase de residuos abundantes en Galicia que, deste xeito, poden incorporarse como materias primas e evitar que rematen en vertedoiros.

    Os resultados desta investigación permiten reducir nun 35 % as emisións equivalentes de CO₂ da mestura, demostrando o potencial da innovación nos materiais e nos procesos construtivos para avanzar cara a unha edificación máis sostible.

    Grid Grid
    CITEEC
    Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñería Civil
    Location
    Campus de Elviña S/N - 15008 - A Coruña
    citeec@udc.es Arrow icon
    This site is registered on wpml.org as a development site. Switch to a production site key to remove this banner.