
O Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil (CITEEC) da Universidade da Coruña recibiu hoxe unha visita moi especial: a do alumnado de infantil e primaria do CEIP de Currelos, que tivo a oportunidade de descubrir de primeira man algúns dos laboratorios e instalacións do centro.
A visita responde a unha ocasión excepcional, xa que o CITEEC non adoita organizar visitas escolares para alumnado de niveis educativos inferiores á educación secundaria. Neste caso, a iniciativa xurdiu como parte do premio concedido a Sara Vázquez Méndez, alumna do CEIP de Currelos que obtivo unha mención especial no I Concurso Escolar de Cómics “Muller na Enxeñaría”, organizado polo propio centro de investigación. O galardón incluía, entre os premios, unha visita ás instalacións para a premiada e ata 25 persoas acompañantes.
Durante o percorrido, as nenas e os nenos puideron achegarse á investigación en enxeñaría dun xeito práctico, interactivo e divertido. Entre as experiencias que máis chamaron a súa atención estiveron un túnel de vento cheo de globos, unha dársena experimental de portos e costas na que ver como se comportan barcos de xoguete fronte a un temporal, un simulador de chuvia que lles permitiu coñecer o ciclo urbano da auga, dende que a chuvia aparece ata o que pasa dentro da rede de sumidoiros e un laboratorio de construción no que experimentaron coa resistencia de diferentes materiais.
Con esta iniciativa, o CITEEC busca espertar a curiosidade científica desde as primeiras etapas educativas, achegar a investigación á sociedade e fomentar as vocacións científico-tecnolóxicas entre a infancia. A visita tamén pon o foco na importancia de promover o interese das nenas pola ciencia e a enxeñaría desde idades temperás, contribuíndo a avanzar cara a unha maior presenza das mulleres nestes ámbitos.
I Concurso Escolar de Cómics
O pasado mes de xuño, o CITEEC convocou a primeira edición do Concurso Escolar de Cómics “Muller na Enxeñaría”, con motivo do Día Internacional da Muller na Enxeñaría. A iniciativa, dirixida ao alumnado de educación primaria e secundaria de toda Galicia, naceu co obxectivo de dar visibilidade ás achegas das mulleres neste ámbito e contribuír a reducir a fenda de xénero nas disciplinas STEM (ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas).
O certame premiou a creatividade e o talento do alumnado a través dunha proposta que combina a expresión artística coa divulgación científica e a promoción da igualdade. En cada modalidade, os premios incluíron unha visita guiada ás instalacións do CITEEC, un lote de agasallos do centro, a impresión do cómic gañador en formato póster e a difusión da obra e da súa autoría a través das canles de comunicación do CITEEC.