Close icon
Seleccionar idioma
Grid Grid

O CITEEC convoca o I Concurso Escola de Cómics para visibilizar a muller na enxeñaría

CC
Escrito por
Comunicación CITEEC
Publicado
30/04/2026
Time icon
3 min
|
30/04/2026
Share icon
Compartir
  • O certame premiará obras sobre mulleres nos ámbitos STEM con visitas ao centro e difusión das creacións
  • A iniciativa está dirixida a alumnado de primaria e secundaria de toda Galicia, que poderá presentar a súa obra ata o 12 de xuño de 2026
Toc icon

Tabla de contenidos

    O Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil (CITEEC) da Universidade da Coruña convoca a primeira edición do seu Concurso Escolar de Cómics, un certame destinado a alumnado de primaria e secundaria que busca dar visibilidade ao traballo da muller na enxeñaría.

    O concurso, convocado con motivo do Día Internacional da Muller na Enxeñaría, pretende contribuír á redución da fenda de xénero nos ámbitos STEM (ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas), eliminando prexuízos e estereotipos, ademais de poñer en valor o papel do cómic como ferramenta de divulgación para todas as idades.

    Neste contexto, as obras presentadas tratarán sobre a vida e o traballo das mulleres cuxa actividade laboral se encadre nalgún dos ámbitos STEM mencionados, independentemente do marco temporal (pasado, presente ou futuro).

    Outorgarase un premio por cada modalidade (primaria e secundaria) que consistirá nunha visita guiada do CITEEC para a persoa gañadora cun máximo de 25 acompañantes, un pack de regalos do centro, a impresión con formato póster do cómic gañador e a difusión da obra e autoría nas canles de comunicación do CITEEC.

    O prazo estará aberto ata o 12 de xuño de 2026 para calquera estudante de primaria e secundaria dos centros escolares da Comunidade Autónoma de Galicia. A participación poderá ser individual ou en parella. Toda a información relativa a inscrición, características das obras e fallo do xurado está dispoñible na súa páxina web ou no código QR do cartel.

    Bases Concurso Escolar de Comics Muller na Enxeñaría CITEEC_2026

    Sobre o CITEEC
    O Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil (CITEEC) é un centro singular de investigación pertencente á Universidade da Coruña. Inaugurado no ano 2000, o CITEEC está especializado nos distintos ámbitos da enxeñaría civil e da edificación, desenvolvendo actividade investigadora, de transferencia e de innovación orientada á resolución de retos reais do sector.

    A súa actividade estrutúrase arredor da I+D+i e da sustentabilidade como eixes transversais, promovendo solucións avanzadas en áreas como construción e desenvolvemento industrial limpos, transporte intelixente e mobilidade sostible, cambio climático e xestión de recursos naturais e hídricos, e transición enerxética. O centro destaca pola súa capacidade para integrar investigación básica e aplicada, colaborando activamente con empresas, administracións públicas e outras institucións científicas tanto a nivel nacional como internacional.

    O CITEEC conta con 10 laboratorios especializados nas súas instalacións, equipados con tecnoloxía avanzada para a experimentación e a análise, así como con 4 laboratorios asociados. Esta infraestrutura sitúao como un dos principais centros de investigación no ámbito da enxeñaría civil en España e constitúe unha referencia única en Galicia.

    Grid Grid
    CITEEC
    Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñería Civil
    Location
    Campus de Elviña S/N - 15008 - A Coruña
    citeec@udc.es Arrow icon
    This site is registered on wpml.org as a development site. Switch to a production site key to remove this banner.