Close icon
Seleccionar idioma
Grid Grid

“Impulsa CITEEC” converte os retos do tecido produtivo en oportunidades
de innovación

CC
Escrito por
Comunicación CITEEC
Publicado
18/09/2026
Time icon
4 min
|
18/09/2026
Share icon
Compartir
  • A maratón, que tivo lugar os días 15, 16 e 18 de setembro neste centro da Universidade da Coruña, reuniu persoal investigador, empresas e entidades públicas nun proceso intensivo de colaboración e procura de novas solucións.
Toc icon

Tabla de contenidos

    O Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil (CITEEC) da Universidade da Coruña culminou hoxe a primeira edición de “Impulsa CITEEC”, unha maratón de innovación e transferencia orientada a achegar o coñecemento científico á resolución de necesidades reais da sociedade e do tecido produtivo.

    A iniciativa reuniu 22 participantes, organizados en seis equipos, que traballaron durante unha xornada intensiva de oito horas no desenvolvemento de propostas para dar resposta a seis retos formulados por empresas e entidades públicas, tales como EXTRACO, S.A., Misturas, Obras e Proxectos, S.A., RONAUTICA QUALITY MARINAS, PLEXUS Tech, GOC S.A., Vento Abogados y Asesores e CIVISGLOBAL SLU. A actividade permitiu combinar diferentes perfís e áreas de especialización do CITEEC nun proceso intensivo de análise, ideación e busca de solucións.

    Os desafíos abordados durante a xornada estiveron relacionados con ámbitos diversos da edificación e da enxeñaría civil, entre eles a innovación en infraestruturas portuarias e viarias, a intelixencia artificial, a sustentabilidade e a pegada de carbono, a mobilidade, os sistemas de información xeográfica, a automatización na construción e a mecánica de estruturas. Por motivos de confidencialidade, as necesidades concretas formuladas polas entidades participantes e as solucións desenvolvidas polos equipos non se farán públicas.

    A diversidade de coñecementos do persoal investigador quedou reflectida na composición dos grupos. Andrés Figuero Pérez, Alberto Alvarellos González e Blas Cantero Chaparro integraron “Nexus IngenIA”, un equipo que combinou experiencia en diferentes ámbitos da enxeñaría e que traballou en dous dos retos propostos, vinculados á enxeñaría portuaria e á automatización de procesos.

    Á innovación no ámbito das infraestruturas viarias dedicou os seus esforzos “CARRETERAS”, formado por Ana Mª Rodríguez Pasandín, Santiago Ferro Lojo e Ignacio Pérez Pérez. A súa participación abordou a innovación en mesturas bituminosas.

    Tamén a dixitalización tivo presenza nesta primeira edición. Miguel Roca Rodríguez, Antonio José Álvarez Naveira, Paloma Funes García e Blanca Fernández Amado conformaron “Multi-TEEC”, que abordou un reto relacionado coa aplicación de ferramentas dixitais e sistemas de información ao ámbito da mobilidade.

    As posibilidades da automatización e a robotización no sector da construción centraron o traballo de Julio César Añón Teijido, Juan Luis Pérez Ordóñez e Diego Carro López, integrantes de “Automatización en obra”.

    Desde o ámbito da mecánica de estruturas, Sandra Sanmartín Fernández, Alberto López López, Andrea Bermúdez Piñeiro, Luis E. Romera Rodríguez e Daniel Eiroa Martínez formaron “RE-FORZADOS” para afrontar un dos retos propostos.

    Finalmente, Ignasi Colominas Ezponda, Fernando Martínez Abella, Xesús Nogueira Garea e José París López, integrantes de “Los 4 elementos”, centraron o seu traballo en dous dos retos do sector: por unha banda, un vinculado ao ámbito ferroviario e, por outra, un relacionado cos materiais e as estruturas.

    Con esta primeira edición de “Impulsa CITEEC”, o centro da Universidade da Coruña reforza o seu compromiso coa transferencia de coñecemento e a colaboración co tecido produtivo, promovendo espazos nos que persoal investigador e entidades externas poidan traballar conxuntamente na identificación de novas solucións para os desafíos actuais da sociedade.

    O equipo gañador

    A xornada de hoxe foi a terceira e última da maratón e culminou coa presentación das solucións propostas en formato pitch. Un xurado formado por representantes da Axencia Galega de Innovación (GAIN), da Fundación Empresa-Universidad Gallega (FEUGA), da Oficina de Transferencia de Coñecemento da UDC, da Fundación de Ingeniería Civil de Galicia e da Oficina de Proxectos Internacionais da UDC avaliou as propostas atendendo a diferentes criterios, entre eles as capacidades dos equipos, a definición do problema e da solución, a viabilidade técnica, o grao de innovación e o modelo de negocio.

    Finalmente, os equipos gañadores foron CARRETERAS, Los 4 Elementos e Nexus IngenIA, que recibiron un premio de 1.500 euros cada un. Así mesmo, o CITEEC ofrecerá apoio económico para o asesoramento e desenvolvemento das accións de valorización do coñecemento e transferencia tecnolóxica que resulten máis axeitadas para cada proposta, tendo en conta a súa natureza e o seu nivel de maduración.

    Deste xeito, “Impulsa CITEEC” busca non só recoñecer as ideas máis destacadas, senón tamén contribuír a que aquelas con maior potencial poidan avanzar cara á súa aplicación e transferencia efectiva á sociedade.

     

    Slide
    Slide
    Slide
    Slide
    Slide
    Slide
    Slide
    Slide
    Slide
    Slide
    Grid Grid
    CITEEC
    Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñería Civil
    Location
    Campus de Elviña S/N - 15008 - A Coruña
    citeec@udc.es Arrow icon
    This site is registered on wpml.org as a development site. Switch to a production site key to remove this banner.