Close icon
Seleccionar idioma
Grid Grid

O CITEEC financia cinco proxectos internos sobre enerxía eólica, infraestruturas e medio mariño

CC
Escrito por
Comunicación CITEEC
Publicado
30/07/2026
Time icon
4 min
|
30/07/2026
Share icon
Compartir
  • A convocatoria apoia proxectos interdisciplinares liderados por persoal investigador posdoutoral emerxente.
  • As propostas abordan retos en produción enerxética urbana, biodiversidade mariña, monitorización estrutural e predición meteorolóxica hiperlocal no ámbito portuario.
Toc icon

Tabla de contenidos

    O Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil (CITEEC) da Universidade da Coruña vén de resolver a súa Convocatoria de Financiamento de Proxectos de Investigación Propios 2026, da que resultou a concesión de cinco proxectos interdisciplinares.

    O obxectivo desta convocatoria, dirixida ao persoal investigador posdoutoral adscrito ao centro, é ofrecer a oportunidade de financiar proxectos de investigación liderados por persoal que non exerceu previamente como investigador/a principal (IP) en convocatorias públicas de concorrencia competitiva. Esta iniciativa conta co financiamento da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia e está cofinanciada pola Unión Europea a través do Programa Operativo FEDER Galicia 2021–2027.

    Entre os proxectos seleccionados atópase “WINDVOLT”, liderado por Andrés Fernández San Miguel, do Grupo de Métodos Numéricos en Enxeñaría (GMNI), e por Antonio José Álvarez Naveira, do Grupo de Mecánica de Estruturas (GME). A proposta céntrase no estudo da produción de enerxía eólica en contornas urbanas, mediante a combinación de medicións in situ do vento e da potencia xerada con modelos numéricos. O obxectivo é identificar localizacións con alto potencial de produción para a captación de enerxía verde en contornas urbanas.

    Os investigadores Blas Cantero Chaparro, do Grupo de Construción (gCONS) e María Estela Castillo Busto, do Grupo de Química Analítica (QANAP), obtiveron financiamento para desenvolver “MARBIOREEF”, un proxecto que avaliará a seguridade ambiental de materiais sostibles para arrecifes artificiais impresos en 3D, analizando o potencial de valorización da cinza de biomasa e o uso da nanocelulosa en condicións de exposición mariña.

    Así mesmo, financiarase o proxecto “WOODSAFE”, presentado por Pilar De La Rosa García, do Grupo de Estructuras Arquitectónicas (GEA) e Arturo Norberto Fontán Pérez, do Grupo de Mecánica de Estruturas (GME), co obxectivo de validar técnicas fotogramétricas para o seguimento de desprazamentos verticais en pontes peonís de madeira, co fin de propoñer una metodoloxía eficaz e viable para a súa inspección e mantemento, garantindo o seu comportamento estrutural.

    No ámbito portuario, Andrés Figuero Pérez, do Grupo de Enxeñaría da Auga e do Medio Ambiente (GEAMA) e Alberto Alvarellos González, do Laboratorio de Enxeñaría do Software (ISLA), presentaron “ChuvIA”, un sistema de predición hiperlocal de precipitación que combina o modelo WRF operado por MeteoGalicia con técnicas de aprendizaxe profunda, co obxectivo de mellorar a planificación das operacións de carga e descarga de sólidos a granel nos portos.

    Tamén no ámbito mariño, financiarase o proxecto “MmaR”, presentado por José Sande González-Cela, do Grupo de Enxeñaría da Auga e do Medio Ambiente (GEAMA) e Gemma Rojo López, do Grupo de Construción (gCONS). A proposta busca dar resposta á erosión costeira mediante unha solución que combina protección do ecosistema, restauración ecolóxica e funcionalidade recreativa, baseada no deseño da xeometría dun arrecife artificial multifuncional capaz de reducir a erosión e xerar ondas axeitadas para a práctica do surf.

    Sobre a convocatoria

    Nesta primeira edición de financiamento interno, o CITEEC asigna un financiamento máximo de 10.000 euros por proxecto co obxectivo de apoiar novas iniciativas de investigación. A convocatoria busca fomentar a colaboración entre distintos grupos de investigación e laboratorios, así como impulsar a carreira investigadora do persoal emerxente.

    Con esta iniciativa, o CITEEC reforza o seu compromiso co impulso da investigación de excelencia e co apoio ao talento investigador emerxente, fomentando o desenvolvemento de proxectos interdisciplinares con capacidade de transferencia ao tecido produtivo e de resposta aos retos sociais, ambientais e tecnolóxicos actuais.

    Grid Grid
    CITEEC
    Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñería Civil
    Location
    Campus de Elviña S/N - 15008 - A Coruña
    citeec@udc.es Arrow icon
    This site is registered on wpml.org as a development site. Switch to a production site key to remove this banner.