A Universidade de Bos Aires (UBA), unha das principais institucións académicas de América Latina, acordou conceder o título de Doutor Honoris Causa ao profesor Ricardo García Mira, catedrático da Universidade da Coruña e investigador do CITEEC, en recoñecemento á súa contribución ao desenvolvemento da psicoloxía social e ambiental e ao estudo da sustentabilidade e das relacións entre as persoas e a súa contorna.
A decisión foi adoptada polo Consello Superior da Universidade de Bos Aires, na sesión celebrada o 10 de xuño de 2026. O acto solemne de investidura, no que Ricardo García Mira recibirá formalmente o título de Doutor Honoris Causa, terá lugar o próximo mes de novembro na sede da institución arxentina.
A concesión desta máxima distinción académica recoñece unha traxectoria desenvolvida ao longo de máis de tres décadas e unha contribución destacada ao avance do coñecemento sobre algúns dos principais desafíos sociais e ambientais contemporáneos. Así mesmo, pon de relevo a dimensión internacional dunha actividade investigadora e académica orientada a fortalecer os vínculos entre a ciencia, as políticas públicas e a sociedade.
Con este acordo, a Universidade de Bos Aires incorpora a Ricardo García Mira á nómina de personalidades que, desde distintos ámbitos do coñecemento, realizaron contribucións excepcionais ao progreso científico, cultural e social, reforzando ao mesmo tempo os lazos académicos entre Europa e América Latina e promovendo unha visión da ciencia comprometida coa transformación social e a sustentabilidade.
Un recoñecemento á súa traxectoria
Ricardo García Mira é catedrático de Psicoloxía Social e Ambiental da Universidade da Coruña. Desenvolveu a súa carreira académica e investigadora nesta universidade, onde dirixiu o Grupo de Investigación Persoa-Ambiente. Ademais, foi profesor visitante e honorario en diversas institucións internacionais.
Foi recoñecido como Fellow da International Association of Applied Psychology e presidiu a International Association for People-Environment Studies (IAPS), organización internacional de referencia no ámbito dos estudos sobre as relacións entre as persoas e o medio.
A súa actividade investigadora centrouse na psicoloxía ambiental, a sustentabilidade, a transición ecolóxica, a participación cidadá, a calidade de vida e a resposta social ao cambio climático. Ao longo da súa traxectoria liderou e participou en numerosos proxectos europeos e internacionais relacionados cos estilos de vida sostibles, a innovación social, a transición enerxética e as políticas públicas para a sustentabilidade.
Entre outras distincións recentes, García Mira recibiu Honoris Causa pola Universidade “Alexander Ioan Cuza” de Iasi (Rumanía, 2018); é catedrático honorario do Instituto de Investigación en Políticas Públicas da Universidade de Bath (Reino Unido, 2016-2027)), titular da Cátedra Honoraria “Ching-Ching Hung-Dao” da Universidade Nacional Tsing Hua (Taiwan, 2026), e profesor visitante en diferentes universidades americanas e inglesa
