O pasado venres, 26 de xuño, o #equipoCITEEC achegouse á ETS de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos para asistir ao acto de peche das prácticas do alumnado de Espazo Compartido, o título propio da UDC orientado á promoción da autonomía e a empregabilidade das persoas con discapacidade intelectual.
Durante este curso, o CITEEC tivo o enorme pracer de acoller a Alejandro López Lodeiro, quen desenvolveu o seu período de prácticas integrado no noso equipo técnico e de xestión. Ao longo destes meses, Alejandro participou en diferentes tarefas e actividades do centro, contribuíndo ao día a día do CITEEC e adquirindo novas competencias profesionais.
Entre as súas funcións destacaron as tarefas de inventario e organización de material, o apoio audiovisual na gravación de vídeos corporativos, a realización de fotografías en distintos eventos divulgativos e a colaboración nas xornadas de traballo e ensaios con formigón, sempre cunha actitude participativa e un gran interese por aprender.
Esta experiencia permitiu reforzar o compromiso do CITEEC coa inclusión, a igualdade de oportunidades e a creación de contornas de aprendizaxe e traballo enriquecedoras para todas as persoas. Ademais, puxo de manifesto o valor que programas como Espazo Compartido achegan tanto ao alumnado como ás entidades colaboradoras.
Pechamos esta etapa con gratitude e satisfacción, xa que nós tamén aprendimos moito do compañeirismo, o optimismo e a enerxía que Alex compartiu connosco durante estes meses. Queremos agradecerlle o seu traballo e dedicación, e desexarlle moita sorte nos seus próximos retos persoais e profesionais.
Grazas, Alex, por formar parte do #equipoCITEEC.
