Os vindeiros 9 e 10 de abril de 2026, a Universidade da Coruña acollerá a “3rd International Eco Concrete Conference”, un congreso internacional que reunirá a persoal investigador, profesionais do sector e estudantado para explorar os últimos retos e as novas oportunidades no marco do formigón sostible, innovador e de alto rendemento.
O evento, organizado pola Asociación EcoH e a Red Científica de Hormigón Sostenible, ademais da UDC, terá lugar na Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos, baixo un programa que aglutina relatorios plenarios e espazos de debate centrados na descarbonización do formigón, o uso de materiais alternativos, a economía circular e as tecnoloxías emerxentes aplicadas á construción.
Ao longo das dúas xornadas que dura o congreso, persoas expertas de prestixio internacional compartirán os seus coñecementos e avances máis recentes, fomentando o intercambio científico e a colaboración entre universidades, centros de investigación e empresas do sector. A cita pretende consolidarse como un foro de referencia no ámbito do formigón sostible, contribuíndo á transición cara a modelos construtivos máis respectuosos co medio ambiente.
Ademais, os participantes asistirán o xoves a unha visita guiada polo Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil (CITEEC), do que son adscritos membros da organización do congreso Fernando Martínez Abella, director científico do CITEEC; Belén González Fonteboa, tesoureira da Asociación EcoH; Sindy Seara Paz e Blas Cantero Chaparro, investigadores do centro.
Neste contexto, a celebración da terceira edición da conferencia reforza o papel da Universidade da Coruña como referente na investigación e innovación no ámbito da enxeñaría civil e da construción sostible a nivel internacional.
