Esta mañá, o Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil (CITEEC) da Universidade da Coruña acolleu a conferencia titulada “Límites planetarios e cambios transformadores para un mundo sostible e xusto“, impartida por Sebastián Villasante. Esta actividade forma parte do programa de formación e divulgación impulsado polo CITEEC, recoñecido co selo oficial de evento colaborador da Green Week 2026.
Durante a súa intervención, o investigador presentou unha liña de traballo interdisciplinar centrada no papel dos valores, as institucións e o coñecemento na promoción de cambios transformadores nos océanos e na dieta humana. Abordou tamén a crise ambiental e a perda de biodiversidade, analizando as súas causas estruturais e sinalando posibles respostas a través dun cambio global de carácter transformador. Neste contexto, destacou especialmente a importancia dos chamados “puntos de inflexión positivos”, entendidos como cambios capaces de acelerar a transición cara a sistemas máis sostibles e xustos.
Sebastián Villasante é director do EqualSea Lab, parte do CRETUS da USC e investigador distinguido Oportunius da Xunta de Galicia. O seu laboratorio está financiado pola prestixiosa ERC Consolidator Grant da Unión Europea. Tamén é co-presidente do Programa PECS sobre Equidade Oceánica para Futuros Sustentables e autor coordinador principal da Avaliación de Cambio Transformador do IPBES, dos Informes sobre Puntos de Inflexión Globais e da III Avaliación Mundial dos Océanos.
O programa da Green Week
A conferencia de Sebastián Villasante enmárcase no ecuador do programa de actividades da Green Week organizado polo CITEEC, tras unha xornada de divulgación científico-técnica para persoal emerxente (“Interlabs”) e unha xornada de portas abertas que recibiu a familias, alumnado e profesionais da enxeñaría.
A programación continúa esta semana coa conferencia de Adrian Krezlik o xoves 18 de xuño, titulada “Estratexias de descarbonización na contorna construída”, seguida dunha andaina climática pola cidade da Coruña e dun curso o venres 19 de xuño sobre Análise do Ciclo de Vida (ACV) aplicada e práctica para infraestruturas.