De acordo coa proposta de resolución provisional do procedemento de concesión de axudas 2025 a Proxectos de xeración de coñecemento e actuacións para a formación de persoal investigador predoutoral asociadas a ditos proxectos da Axencia Estatal de Investigación (AEI), a Universidade da Coruña vén de captar un financiamento de 6,3 millóns de euros para 46 proxectos e 11 contratos predoutorais. Estas cifras duplican as do ano anterior, cando a Universidade acadara máis de tres millóns de euros para 27 proxectos. Supoñen un incremento do 70,4 % en proxectos e do 88 % en importe con respecto á convocatoria de 2024, e sitúan á UDC moi por riba de calquera valor previo.
O Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil (CITEEC) da Universidade da Coruña reforzou a súa posición como referente na investigación de excelencia tras a concesión de 11 Proxectos de Xeración de Coñecemento, financiados no marco do Plan Estatal de Investigación Científica, Técnica e de Innovación 2024-2027, dos cales 3 contemplan o financiamento de contratos predoutorais.
Transformar residuos téxtiles non reciclables en morteiros cementicios de alto valor e paneis con propiedades de illamento térmico e acústico é o obxectivo de MORTEX, o proxecto que lidera Diego Carro López no Grupo de Construción (gCONS).
O Grupo de Enxeñaría da Auga e do Medio Ambiente (GEAMA) impulsará dous proxectos. José Anta Álvarez liderará CON4SUDS, centrado no desenvolvemento dunha nova xeración de pavimentos drenantes de formigón para reducir o risco de inundacións urbanas e mellorar a xestión sostible da auga de chuvia. Pola súa parte, Andrea Muñoz Ibáñez encabezará T-FRACT, que investigará como se forman e propagan as fracturas por tracción en rochas sometidas a condicións de presión, temperatura e fluídos similares ás do subsolo.
No ámbito das estruturas, José Ángel Jurado Albarracín Martinón, do Grupo de Mecánica de Estruturas (GME), avanzará en novas metodoloxías de optimización aeroelástica de pontes de gran van. Ao mesmo tempo, Pablo Guindos Bretones, do Grupo de Estruturas Arquitectónicas (GEA), desenvolverá un sistema de forxado composto de madeira, aceiro e formigón máis ecolóxico, resistente, económico e eficiente.
A investigación en estradas tamén estará presente da man do Grupo de Estradas, Xeotecnia e Materiais (CGM), liderado por Ana María Rodríguez Pasandín, que desenvolverá bioligantes obtidos a partir de bioaceites residuais para substituír o betún asfáltico empregado nas mesturas bituminosas.
Outro dos proxectos financiados será ACHILLES, liderado por Xesús Nogueira Garea, do Grupo de Métodos Numéricos en Enxeñaría (GMNI), que porá o foco na simulación de fenómenos físicos complexos, unha tecnoloxía clave para avanzar cara a modelos máis sostibles e competitivos en sectores como a enerxía e o transporte.
O Grupo de Química Analítica (QANAP) obtivo financiamento para tres proxectos. Entre eles figura BIOANALOMIC, liderado por Javier Terán Baamonde, que desenvolverá unha metodoloxía innovadora baseada na combinación de técnicas bioanalíticas avanzadas e tecnoloxías ómicas para avaliar o impacto da exposición a micro e nanopartículas sobre a saúde humana e o medio ambiente. Por outra banda, Soledad Muniategui e José Manuel Andrade centraranse na avaliación dos riscos químicos asociados aos materiais plásticos a través do seu proxecto AMANTE, que combina técnicas avanzadas de caracterización analítica, ferramentas de IA para toxicoloxía computacional preditiva e estudos ecotoxicolóxicos experimentais. O terceiro proxecto, CEFUS-ER, liderado por Jorge Moreda e Purificación López, desenvolverá novas metodoloxías analíticas para mellorar o control da calidade do aire e xerar unha base científica sobre contaminantes regulados e emerxentes, en consonancia coa Directiva (UE) 2024/2881.
Finalmente, OLIGOLIFE permitirá reconstruír os ecosistemas existentes en Galicia hai entre 34 e 23 millóns de anos mediante o estudo de fósiles de vertebrados e plantas procedentes de distintas concas sedimentarias galegas. O proxecto estará liderado por Blanca Moncunill-Solé e Alejandro Blanco, investigadores do Grupo de Investigación en Cambio Ambiental e Paleobioloxía (GRICA-BIOpast).
Con este financiamento, o CITEEC reforza o seu liderado na captación de recursos competitivos a nivel estatal e continúa impulsando unha investigación orientada á transferencia de coñecemento, á innovación e ao desenvolvemento de solucións que contribúan a unha sociedade máis sostible, segura e competitiva.
