A Universidade da Coruña acolleu os días 9 e 10 de abril a “3rd International Eco Concrete Conference”, un congreso internacional que reuniu persoal investigador, profesionais do sector e estudantado arredor dos principais retos e oportunidades do formigón sostible, innovador e de alto rendemento.
O evento, organizado pola Asociación EcoH e a Red Científica de Hormigón Sostenible, desenvolveuse na Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos cun completo programa de relatorios plenarios e espazos de debate. Durante as xornadas abordáronse cuestións clave como a descarbonización do formigón, o uso de materiais alternativos, a economía circular e as tecnoloxías emerxentes aplicadas á construción.
Ao longo do encontro, especialistas de prestixio internacional compartiron coñecementos e avances recentes, favorecendo o intercambio científico e o establecemento de novas colaboracións entre universidades, centros de investigación e empresas. A cita consolidouse así como un foro de referencia no ámbito do formigón sostible, contribuíndo ao impulso de modelos construtivos máis respectuosos co medio ambiente.
No marco do congreso, as persoas participantes tiveron tamén a oportunidade de visitar o Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil (CITEEC), coñecendo de primeira man as súas liñas de investigación e infraestruturas.
O evento pechouse no CITEEC cunha actividade final de carácter máis distendido que serviu como espazo de encontro e networking entre as persoas participantes. A sesión estivo guiada polo director do centro, Fernando Martínez Abella, quen promoveu un diálogo aberto arredor do formigón sostible, favorecendo o intercambio de ideas nun ambiente próximo e participativo para clausurar o congreso.
Con esta terceira edición, a conferencia consolidouse como unha cita de referencia internacional no ámbito do formigón sostible e puxo de relevo o papel da Universidade da Coruña na investigación e innovación en enxeñaría civil e construción sostible.